PLANCTON 2026. Retirada de lixo mariño nas praias de Baldaio-Razo

PLANCTON 2026 Baldaio Razo

As praias do Espazo Natural de Baldaio-Razo, no concello de Carballo, acolleron a máis de 20 persoas voluntarias para levar a cabo unha nova acción de limpeza de lixo mariño impulsada por Afundación no marco de PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial que este ano cumpre a súa sexta edición.

Pasadas as 10 horas da mañá principiaron os traballos de voluntariado. Repartidas en varios grupos, as voluntarias percorreron o areal na procura dos residuos, entre os que atoparon fundamentalmente restos de aparellos e utensilios relacionados coa actividade pesqueira, como poden ser os máis de 400 anacos de cabos, cordas, sedelas e cabiños, máis de 1000 pedazos de escumas sintéticas empregadas como flotadores, nasas ou embalaxes, case sete ducias de palillos de batea, madeiras tratadas con cravos e pinturas sintéticas, así como outra serie de obxectos cuxa orixe atópase ligada ás actividades de recreo desenvolvidas no propio espazo ou nas da propia vida cotiá, obxectos plásticos na súa gran mayoría como os máis de 60 restos de envases, bolsas e envoltorios, botellas, máis de 300 tapóns, paus de lambetadas, restos dos bastonciños empregados para limpar os oídos, un residuo habitual nas praias do que nesta xornada contabilizáronse máis de 1.500 unidades, ademáis de botes de aluminio de refrescos e outras bebidas, máis de 20 botes, tarros e botellas de vidro, cabichas, un par de xeringas, botes de productos cosméticos, aerosois, dúas ducias de mecheiros, cartóns e papeis, e outra serie de obxectos de orixe descoñecida e de difícil identificación por mor do seu deterioro ou fragmentación. Ademais, e segundo estimacións a pé de praia, más de 200.000 pellets plásticos empregados como materia prima para a fabricación de diferentes obxectos. En total, e segundo os datos das diferentes pesadas coas que concluiu a xornada, foron máis de 75 quilos a cantidade de lixo retirada deste fermoso espazo natural.

Esta foi a quinta actuación do voluntariado de Afundación neste enclave, do que xa conseguiron retirar máis de 1400 quilos de lixo mariño.

Este humidal de Baldaio é un espazo natural protexido de gran valor ecolóxico pertencente a Rede Natura 2000, declarado como Zona de Especial Conservación (ZEC) e como Zona de Especial Protección para las Aves (ZEPA), un sitio de interese no que crían especies ameazadas como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha pequena ave limícola que adoita aniñar en diferentes praias e sistemas dunares costeiros en Galicia entre os meses de marzo e xullo, únicamente 86 parellas segundo datos de 2025, polo que actividades como a realizada hoxe conlevarán beneficios directos para ésta e outras especies derivados da mellora e protección do seu hábitat natural.

Tras esta nova actuación de voluntariado, son xa máis de 147 as toneladas de residuos retiradas de diferentes enclaves repartidos ao longo de toda a costa galega no ámbito deste Plan de Conservación Territorial, que ten previstas moitas máis actividades de corte similar ao longo de todo ano, dentro do compromiso de ABANCA e súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.

Con este tipo de actuacións Afundación procura a través de PLANCTON, chamar a atención sobre a necesidade de cambiar e mellorar moitos dos nosos hábitos de comportamento no medio, para asegurar o uso e goce dos recursos ás xeracións do futuro.

DATAS:

7/02/2026

HORARIO:

10:00 a 14:00 h

MODALIDADE:

Presencial