215 persoas voluntarias, entre estudantes e profesorado da Universidad Intercontinental de la Empresa, participaron dunha intensa mañá de voluntariado ambiental dedicada á retirada de Carporbrotus edulis na que conseguiron eliminar máis de catro toneladas e media desta especie botánica invasora.
Popularmente coñecida como uña de gato ou herba do coitelo, esta especie está moi estendida pola costa e afecta gravemente á biodiversidade autóctona por mor dos seus efectos tapizantes sobre o chan, impedindo deste xeito o crecemento de especies autóctonas propias destes ecosistemas costeiros de gran valor ambiental.
A actividade desenvolveuse na contorna do Faro de Corrubedo, dentro do Parque natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, e contou coa colaboración do Concello de Ribeira.
Con iniciativas como esta, a Obra Social de ABANCA cimenta o seu compromiso de inculcar na sociedade a necesidade de protexer os múltiples e variados recursos naturais cos que conta, co fin de promover a súa conservación e garantir o seu uso e desfrute para as xeracións do futuro, propiciando o sentido de pertenza e de responsabilidade no coidado da contorna, e empoderando á mocidade como gran axente de cambio.













































































