PLANCTON 2025. Limpeza de lixos mariños nos fondos do porto de Sanxenxo

PLANCTON 2025: limpeza de lixo mariño no porto de Sanxenxo

Bucios e submarinistas da Confraría de pescadores de Santa Rosalía e de Nauta participaron nunha xornada de limpeza de lixos mariños organizada por Afundación, a Obra Social de ABANCA, no marco do seu proxecto ambiental PLANCTO.  Conseguiron retirar máis dunha tonelada de residuos nos fondos do porto de Sanxenxo.

As operacións de limpeza comezaron cando os mergulladores das diferentes entidades participantes, repartidos polos distintos pantaláns da instalación portuaria iniciaron as inmersións para a localización dos residuos. Retiraron sobre todo útiles e aparellos de pesca, extraviados durante o seu exercicio, como nasas e boias, restos e anacos de cabos, cordas ou redes, ventosas de mergullador, dúas áncoras, algún cable eléctrico así como algúns pneumáticos dos que son empregados como defensa das embarcacións nas operacións de atracada e un bidón de gasolina. Ademais, as persoas voluntarias participantes localizaron diferentes obxectos procedentes fundamentalmente das actividades de lecer e recreo que se desenvolven na contorna do porto como botes e botellas de bebidas, e 400 vasos de vidro. Tamén localizaron un móbil e varias pezas de mobiliario.

Durante as operacións de limpeza, tras cada inmersión, os mergulladores foron entregando os residuos ás voluntarias e voluntarios de apoio situados tanto nos pantaláns como nas diferentes embarcacións empregadas durante a actividade. Unhas tarefas de apoio nas que participaron o voluntariado Actúa de Afundación e outros pescadores da confraría así como traballadores e voluntarios do Real Club Náutico de Sanxenxo e da sociedade municipal que xestiona o porto deportivo.

O Concello de Sanxenxo, Protección Civil e Portos de Galicia colaboraron tamén no correcto desenvolvemento da actividade.

Despois desta nova limpeza son máis de 123 as toneladas de lixo mariño retiradas dos fondos dos mares, portos e costas de Galicia a través do proxecto PLANCTON, o plan de conservación territorial enmarcado na estratexia de sustentabilidade de ABANCA e Afundación. A iniciativa forma parte do compromiso de ambas as entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, entre eles o ODS-14 Vida submarina. Así mesmo configúrase como un gran eixo vertebrador de diferentes axentes entre os que figuran entidades do sector pesqueiro, como as confrarías de pescadores e as asociacións de redeiras e de mariscadoras, asociacións do terceiro sector, administracións públicas, clubes deportivos, oenegués, centros de ensino ou persoas socias dos Espazos +60 de Afundación, tal e como se puxo hoxe de manifesto nesta actividade na que participaron oito entidades diferentes seguindo o camiño marcado polo ODS-17, Alianzas para lograr obxectivos.

DATAS:

26/04/2025

MODALIDADE:

Presencial