PLANCTON 2025. Limpeza de lixo mariño nos areais de Semuíña e Abilleira, en A Illa de Arousa.

PLANCTON 2025: limpeza de lixo mariño en diferentes areais da Illa de Arousa

Máis de 120 persoas voluntarias participaron nun gran operativo de limpeza de lixo mariño en diferentes areais da Illa de Arousa co obxectivo de retirar dos seus fondos obxectos voluminosos. Nos traballos localizaron máis de 20 pneumáticos extraviados que se empregan como defensa das embarcacións pesqueiras nas súas operacións de atraque, así como grandes marañas de redes, cordas e cabos de bateas arrastradas ata a costa polos temporais do inverno.

Segundo os datos obtidos trala pesada final coa que concluíu a actividade no porto de Xufre, as voluntarias e voluntarios conseguiron retirar nas tres horas que durou a limpeza 9 toneladas e media de lixo mariño dos areais de Semuíña e Abilleira. Este tipo de actuacións resultan especialmente complexas debido ao peso dos pneumáticos que, unha vez extraviados, énchense de lodo e quedan soterrados nas praias.

Nesta nova xornada, enmarcada no proxecto PLANCTON de Afundación, participaron alumnado e profesorado do IGAFA e mariscadoras e pescadores da Confraría de San Xulián da Illa de Arousa.

Con este tipo de actuacións, a Obra Social de ABANCA procura contribuír á conservación do medio mariño e fomentar a sustentabilidade do conxunto de actividades desenvolvidas no mar, tanto as económicas como as puramente recreativas.

O proxecto PLANCTON enmárcase na estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación. Un dos seus obxectivos principais é o de concienciar á sociedade sobre a importancia de conservar os recursos, todo elo sen perder de vista a folla de ruta marcada polo seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr os obxectivos.  Neste plan de conservación territorial xa colaboraron máis de 80 entidades de diferentes eidos, como o sector pesqueiro, as administracións públicas, centros educativos, empresas, centros de investigación, clubes deportivos, oenegués medioambientais e asociacións do terceiro sector.

DATAS:

14/02/2025

MODALIDADE:

Presencial