Xornada de balance e presentación de resultados PLANCTON 2024

PLANCTON 2024: Balance e resultados

Os resultados desta nova edición 2024 do proxecto PLANCTON presentáronse na mañá do día 29 de xaneiro de 2025 nunha rolda de prensa que contou coa participación de Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación; Javier Fraga, director de ABANCA Mar; Adela Lestón, presidenta das mariscadoras de Muros; Juan José Rial Millán, patrón maior da Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa; Pilar Alves, coordinadora xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación; e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTON.

Máis de 200 embarcacións e preto de 1000 persoas voluntarias de ABANCA e Afundación, así como de distintos colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro e outras entidades que participaron directamente nas diferentes xornadas de limpeza en fondos e costas, fixeron posible un ano máis esta iniciativa, destinada a fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar.

Todo este esforzo en común permitiu que anualmente se incrementen significativamente as toneladas recollidas: en 2024 retiráronse 43 toneladas de residuos das praias e fondos marítimos de Galicia, 16 máis que na anterior edición.

Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación subliñou na súa intervención a importancia de ser conscientes de que «a actual sociedade industrial e tecnolóxica está marcada pola globalidade dos seus impactos ambientais e pola irreversibilidade de moitos deles (…). As institucións públicas e privadas temos a obriga moral de atender esta problemática ecosocial, non podemos mirar cara a outro lado, non é posible vivir de costas á beleza do noso mundo, non podemos obviar o sufrimento das especies ou a estabilidade do planeta. É demasiado importante como para permanecer cegos. Desde a nosa humilde posición Afundación, Obra Social ABANCA, tentamos sumar esforzos para sensibilizar sobre a xustiza ecolóxica e a responsabilidade colectiva. Tamén para chamar á acción».

Pola súa banda, en representación do sector pesqueiro e marisqueiro, Adela Lestón, presidenta das mariscadoras de Muros, e Juan José Rial Millán, patrón maior da Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa, destacaron a importancia de programas coma o de PLANCTON. Millán afirmou que «é preciso seguir traballando para que os nosos fillos e os nosos netos poidan seguir gozando dos nosos medios naturais. É moi importante crear concienciación ambiental nos máis novos para que ese sentido de protección do medio natural se transmita de xeración en xeración. Moitas grazas a Afundación e a ABANCA por proxectos como este e por colaborar directamente coas confrarías». Adela explicou como «Afundación deunos as ferramentas necesarias para comezar a realizar limpezas nos nosos areais. Colaboramos durante todo o ano pasado non só con limpezas, senón tamén con campañas como «Goza da praia sen deixar pegada» mediante a que nos puidemos achegar aos usuarios dos areais dunha maneira máis directa. Puidemos conciencialos de que en areais con bancos marisqueiros hai que tomar unhas medidas específicas. Programas como este son importantísimos porque nunca é tarde para adquirir novas condutas e concienciarse».

Javier Fraga, director de ABANCA Mar, pechou as intervencións. «O programa PLANCTON é un exemplo de como o modelo de colaboración e traballo en equipo é o adecuado para mellorar. Isto é máis que un programa, PLANCTON reflicte un comportamento conxunto no que todos aprendemos. Diferentes colectivos traballamos en conxunto para un mesmo obxectivo e para aprender. Aprendemos dos técnicos, dos científicos, dos traballadores do mar, etc.».

Nesta cuarta edición de PLANCTON realizáronse 18 limpezas de lixos mariños, 12 en praias e 6 en fondos marisqueiros, nos concellos de Barreiros, Carnota, Cambados, A Coruña, Ferrol, O Grove, A Illa de Arousa, Muros, Redondela, Ribeira, Sanxenxo e Vigo.

Ademais da limpeza de residuos, e tras constatar que as especies botánicas invasoras constitúen unha ameaza cada vez maior para a biodiversidade da contorna, en 2024 incidiuse significativamente na súa erradicación. Así, durante este período retiráronse 11 das 12 toneladas eliminadas desde o inicio do proxecto.

Nesta nova edición desenvolvéronse tamén campañas específicas co obxectivo de concienciar sobre a importancia de compatibilizar as actividades relacionadas co turismo, coa conservación da contorna. Así, durante o verán púxose en marcha por terceiro ano consecutivo a campaña «Goza da praia sen deixar pegada», para impulsar boas prácticas nas praias con zonas dedicadas ao marisqueo. Con idénticos fins, realizáronse seis vídeos divulgativos, para poñer en valor a participación do voluntariado.

PLANCTON, enmarcado na estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación e das súas actividades de voluntariado ambiental, foi un ano máis un gran eixe vertebrador de distintos axentes, 51 en total, entre os que figuran entidades do sector pesqueiro, como as confrarías de pescadores e asociacións de mariscadoras, asociacións de pesca recreativa, portos, concellos, protección civil, garda civil, centros educativos, empresas, persoas socias dos espazos +60 de Afundación, o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou o Grupo Naturalista Hábitat, alcanzando, así, un gran impacto en sectores sociais diversos, que se incrementa en cada edición.

Xa pola tarde, celebrouse unha xornada divulgativa final dirixida aos diferentes colectivos de persoas voluntarias e entidades que participaron nesta quinta edición de PLANCTON.

Gloria Rodríguez, coordinadora de comunicación de Afundación, presentou esta xornada de tarde na que se proxectou un vídeo resumo dos resultados do proxecto en 2024.

Pola súa banda, Pilar Alves, coordinadora xeral de RSE e Institucional da Afundación e Saleta González, directora técnica do proxecto, fixeron balance das actividades desenvolvidas ao longo do ano no seo de PLANCTON, fundamentalmente as operacións de eliminación de flora exótica invasora de zonas de litoral, as campañas informativas de boas prácticas para os turistas nas praias con e sen actividade marisqueira, e por suposto, as limpezas de fondos mariños con mergulladores (Areoso, Portos de Sanxenxo, Portonovo e Vigo) e a través dos colectores colocados nos portos de Cambados e Ferrol, así como as limpezas de praias realizadas en colaboración con confrarías, concellos e outras entidades do terceiro sector, nas que a implicación do voluntariado tivo un papel fundamental.

A continuación, Raúl García Rodríguez, coordinador de pesqueiras do equipo mariño de WWF España, impartiu unha conferencia titulada “Un océano saudable para a pesca sustentable”, na que presentou multitude de casos prácticos e experiencias realizadas arredor da conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza dos espazos mariños, na que se presentaron certos casos galegos como pioneiros e exemplo para exportar a outras localidades, tanto a nivel nacional como no estranxeiro.

Trala conferencia tivo lugar un interesante coloquio moderado por Javier Fraga, director de ABANCA MAR, no que participaron Adela Lestón Mayo, presidenta das mariscadoras de Muros, José Antonio Fernández Bouzas, director do PNMT Illas Atlánticas de Galicia e Juan José Rial Millán, patrón maior da Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa.

Antes de rematar a xornada, Oswaldo Digón e Víctor Grande, humoristas, guionistas e directores da Escola de Impro, a primeira escola de improvisación teatral de Galicia, sorprenderon aos asistentes cun espectáculo improvisado cheo de humor e infinidade de chiscos a todos os participantes do coloquio.

Cun pincho de confraternización final pechouse esta interesante xornada de balance da cuarta edición PLANCTON correspondente ao ano 2024.

DATAS:

29/01/2025

MODALIDADE:

Presencial