PLANCTON 2026. Retirada de Carpobrotus sp. na contorna do Monte Boi (Baiona)

PLANCTON 2026: retirada de Carpobrotus sp. na contorna do Monte Boi, en Baiona.

Máis de 50 estudantes e docentes do Colegio Hogar Afundación de Vigo participaron nunha xornada de voluntariado ambiental no Monte Boi, na contorna do Parador de Baiona, centrada na retirada de numerosas matas de Carpobrotus sp., coñecida como unlla de gato, unha especie exótica invasora de orixe sudafricana, especialmente problemática nos ecosistemas costeiros de Galicia.

Ao longo da mañá, o alumnado, organizado en varios grupos de traballo e acompañado polo profesorado e polo equipo técnico da actividade, realizou tarefas de retirada manual desta especie, procurando extraer as plantas e os seus sistemas radiculares para evitar novos rebrotes e favorecer a recuperación da vexetación autóctona.

A herba do coitelo, outro nome vulgar polo que son coñecidas en Galicia as diferentes especies de Carpobrotus, caracterízase pola súa capacidade para formar densos tapices que desprazan a flora propia dos hábitats nos que se establece, modificando as condicións naturais do solo. A súa extensión é unha ameaza para a biodiversidade destes espazos, polo que o control e seguimento das poboacións resulta fundamental para avanzar na conservación e restauración dos ecosistemas litorais.

Durante a actuación, as persoas participantes lograron extraer 2875 quilos de Carpobrotus, nunha nova actuación que se suma ao conxunto de intervencións desenvolvidas por PLANCTON para o control e eliminación de flora exótica invasora no litoral galego e no que xa se superan as 26 toneladas. A actuación no Monte Boi contou coa colaboración do Concello de Baiona, quen se encargará da xestión final dos residuos vexetais retirados durante a xornada.

PLANCTON: protección, recuperación e concienciación

A actividade desenvolveuse no marco de PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial mediante o que a Obra Social de ABANCA traballa na protección e recuperación dos ecosistemas costeiros galegos a través de actuacións de conservación, restauración ambiental, investigación, divulgación e participación cidadá.

PLANCTON concíbese como unha iniciativa de carácter territorial na que a conservación dos espazos naturais se aborda desde diferentes ámbitos e coa colaboración de diversos axentes. As actuacións sobre o terreo permiten intervir directamente sobre problemas ambientais concretos, ao tempo que favorecen o coñecemento dos valores naturais de cada lugar e a implicación da cidadanía na súa protección. O voluntariado ambiental é unha ferramenta fundamental para achegar a conservación do patrimonio natural á sociedade e converter a participación cidadá nun elemento activo da súa recuperación.

A continuidade dos traballos é especialmente importante no caso das especies exóticas invasoras, xa que a súa eliminación require, en moitos casos, actuacións sucesivas de seguimento e control para detectar posibles rebrotes e evitar a súa expansión. Deste xeito, cada intervención contribúe a avanzar progresivamente na recuperación das comunidades vexetais propias dos ecosistemas costeiros e a manter no tempo os resultados acadados.

A xornada intégrase tamén no programa «Educación para a Sostibilidade» de Afundación, un proxecto que procura achegar ao alumnado o coñecemento dos valores naturais da súa contorna e fomentar hábitos e actitudes responsables coa conservación do medio ambiente. A participación directa nos traballos de campo permite que os estudantes coñezan a problemática das especies exóticas invasoras e comprendan a importancia da implicación cidadá na protección dos ecosistemas.  Todo isto seguindo a liña marcada polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente o ODS 13: Acción polo clima, ODS 14: Vida submarina, ODS 15, Vida de ecosistemas terrestres e ODS 17, Alianzas para lograr os obxectivos.

DATAS:

08/10/2026

HORARIO:

10:00 a 12:30 h

MODALIDADE:

Presencial