Máis de 100 estudantes e membros do profesorado da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) participaron nunha xornada de voluntariado ambiental nas ribeiras do río Sar, dentro do parque Eugenio Granell de Santiago de Compostela. Conseguiron retirar más de 3000 quilos de Tradescantia fluminensis, unha especie exótica invasora que forma densos tapices de vexetación desprazando a flora autóctona e dificultando a rexeneración natural destes ecosistemas fluviais. A actividade, contou coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, quen asumiu a xestión da planta retirada.
A xornada tivo, ademais, unha vertente educativa e social. O estudantado coñeceu de primeira man os efectos que a expansión das especies exóticas invasoras pode ter sobre os ecosistemas e contribuír activamente á súa conservación. Ao mesmo tempo, a iniciativa serviu como punto de encontro para os estudantes no inicio do novo curso académico, favorecendo o coñecemento e o fortalecemento dos vínculos dentro da comunidade universitaria. O voluntariado convértese así nunha oportunidade para compartir unha experiencia fóra das aulas, traballar en equipo e reforzar o espírito de colaboración entre os estudantes.
As ribeiras do Sar son un espazo de especial valor ambiental e paisaxístico para Santiago de Compostela. Actuacións como esta, ademais de contribuír á súa conservación e recuperación, permiten achegar á cidadanía, e especialmente ás novas xeracións, a importancia de coidar o patrimonio natural.
Esta é a terceira vez que a comunidade educativa da UIE realiza labores de voluntariado no marco de PLANCTON. Así, nas dúas actuacións realizadas en Corrubedo en 2024 e 2025, conseguiran retirar máis de dez toneladas de unlla da gato ou herba do coitelo (Carpobrotus edulis), outra especie exótica invasora que causa graves alteracións nos ecosistemas costeiros de Galicia.
Tras esta nova intervención do voluntariado da Universidad Intercontinental de la Empresa nas ribeiras do Sar, retiráronse xa máis de 23 toneladas de flora exótica invasora en diferentes enclaves fluviais e costeiros da comunidade no marco de PLANCTON. Estas intervencións permiten avanzar na recuperación de espazos naturais afectados pola presenza de flora alóctona invasora, e poñen de manifesto a importancia da colaboración entre entidades, administracións, comunidade educativa e cidadanía para a protección do patrimonio natural, nunha suma esforzos para preservar os ecosistemas e garantir que os recursos naturais do territorio poidan ser gozados tamén polas xeracións do futuro.






























































