Convocadas por Afundación baixo o amparo de PLANCTON, as persoas voluntarias participantes nesta nova actividade ambiental focalizarán os seus esforzos na retirada de lixos mariños da praia de Ladeira en Corrubedo (Ribeira).
A actividade contará coa colaboración do Concello de Ribeira, Grip Surf School, xoiaría Jael e do propio persoal do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, e principiará ás 10:00 horas tendo previsto finalizar cara as 14:00, unha vez rematadas as tarefas de clasificación e pesada dos lixos retirados do areal.
Actuacións como esta prevista para Corrubedo cobran especial relevancia polo elevado valor ambiental da zona. O Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán está declarado Parque Natural e conta, ademais, con diferentes figuras de protección ambiental, entre elas a súa integración na Rede Natura 2000, como Zona Especial de Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), ademais da consideración de zona húmida protexida e o recoñecemento como zona húmida de importancia internacional Ramsar.