PLANCTON 2026. Presentación en Vilagarcía de Arousa dunha nova edición da campaña Goza da praia sen deixar pegada

A praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, acollerá do 6 de xullo ao 15 de setembro, a exposición itinerante «Goza da praia sen deixar pegada», unha iniciativa de sensibilización ambiental impulsada por Afundación no marco de PLANCTON, composta por tres tótems informativos que invita á veciñanza e aos turistas que se achegan ás praias na época estival a descubrir a riqueza ecolóxica do litoral e a adoptar boas prácticas para desfrutar dos areais dun xeito respectuoso co medio natural. Esta acción dá continuidade a unha campaña semellante desenvolvida hai tres anos nesta mesma localidade, centrada entón na promoción de boas prácticas en praias con actividade marisqueira e que contou coa colaboración das mariscadoras da zona en labores informativos e de divulgación para fomentar o respecto polos cultivos mariños, previr o furtivismo e contribuír á conservación destes espazos.

No acto de presentación, celebrado na praia de Compostela no Concello de Vilagarcía de Arousa, participaron a tenente de alcalde, Tania García; o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou;  Saleta González Pimentel, directora técnica do proxecto PLANCTON; Manuel Cacheda, responsable de RSC de Afundación e Javier Tilves Carballo, director da oficina de ABANCA en Vilagarcía.

A exposición destaca o extraordinario valor natural das praias e das dunas costeiras, espazos que albergan unha rica biodiversidade. A través de contidos divulgativos e mensaxes accesibles para todos os públicos, os tótems lembran que as praias son ecosistemas vivos que comparten miles de especies e que a súa conservación depende tamén dos pequenos xestos cotiáns da cidadanía.

Entre os temas abordados na mostra figuran a correcta xestión dos residuos xerados durante unha xornada de praia, o impacto das cabichas e doutros desperdicios abandonados na area, a importancia ecolóxica das algas como fonte de alimento para numerosas especies, os efectos que determinados compoñentes químicos presentes nos protectores solares poden provocar nos ecosistemas costeiros ou a importancia das dunas, auténticas barreiras naturais que contribúen á conservación das praias e á protección do litoral.

A través dun conxunto de recomendacións prácticas, «Goza da praia sen deixar pegada» anima a empregar envases reutilizables, reducir a xeración de residuos, respectar os camiños habilitados para acceder aos areais, evitar alterar os hábitats naturais e procurar formas de mobilidade sostible para desprazarse ás praias.

Con esta iniciativa, Afundación reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e coa conservación do patrimonio natural galego, achegando á cidadanía ferramentas e coñecementos que contribúan a facer compatible o desfrute do litoral coa protección dos seus ecosistemas.

A campaña enmárcase nas accións de concienciación ambiental desenvolvidas a través do programa PLANCTON, co obxectivo de fomentar a protección dos ecosistemas mariños e costeiros. Grazas á colaboración de máis de 5.000 persoas voluntarias e de máis de 100 entidades, este programa conseguiu retirar ata o de agora máis de 163 toneladas de residuos das praias e dos fondos mariños de Galicia en pouco máis de cinco anos.

DATAS:

06/07/2026

MODALIDADE:

Presencial