Afundación desenvolveu na praia de Area da Cruz, no Concello do Grove, unha nova acción de voluntariado ambiental no marco do proxecto PLANCTON. Nesta ocasión, as tarefas desenvolvéronse no espazo dunar, un ecosistema natural de alto interese ambiental no que o lixo mariño e a proliferación de flora exótica invasora, ademais do tránsito de persoas, ameazan a vexetación autóctona.
En colaboración co Servizo de Patrimonio Natural, as persoas voluntarias convocadas pola Obra Social de ABANCA retiraron residuos mariños e distintas especies de flora exótica invasora que proliferan nesta contorna, 369 quilos en total, fundamentalmente margaridas de orixe africana, Arctotheca calendula e Gazania rigens e glicina chinesa Wisteria sinensis, unha planta trepadora que se está estendendo de forma invasiva pola duna, cun comportamento rastreiro, pouco habitual nesta especie.
Nos días previos, o equipo do Servizo de Patrimonio Natural realizou os traballos complementarios de valado perimetral desta zona da duna, co fin de favorecer a recuperación da vexetación dunar, evitando o paso continuo de visitantes e usuarios da praia e protexendo deste xeito as especies autóctonas.
Entre os 47 quilos de lixo mariño retirados durante a xornada de voluntariado, destacaron especialmente máis de 100 bastonciños dos oídos, máis dun centenar de tarugos plásticos de batea, distintos residuos plásticos de diversos tamaños, palos de chupachups, envases plásticos, botellas e outros obxectos que se atopan habitualmente nestas limpezas como nasas, madeiras tratadas con cravos etc.
A actividade contou tamén coa colaboración do Concello do Grove, que ademais de informar e fomentar a participación da veciñanza, encargouse de xestionar os residuos recollidos, tanto o lixo como as plantas exóticas invasoras retiradas.
Ademais do beneficio ambiental que que supoñen este tipo de actuacións nasas contornas nas que traballan as persoas voluntarias, esta iniciativa da Obra Social de ABANCA, ten como obxectivo promover na sociedade formas de actuar responsables. PLANCTON procura así previr estes impactos, reducindo a xeración de residuos con boas prácticas fáciles de implementar no día a día, que permitan manter os recursos actuais sen comprometelos para as xeracións futuras.