PLANCTON 2024. Limpeza de residuos mariños na praia de Ventín (Muros)

PLANCTON 2024_Limpeza na praia de Ventín, Muros.

Máis de 40 persoas, principalmente mariscadoras da Confraría de Muros e voluntarios do programa Actúa da Obra Social de ABANCA, uníronse para levar a cabo unha nova xornada de limpeza de lixo mariño, sendo o lugar elixido para esta ocasión a praia de Ventín (Muros), un enclave onde as correntes mariñas depositan unha importante cantidade deste tipo de residuos nestes meses de inverno.

Os traballos desenvolvéronse cara á parte alta da praia, onde se acumulaban unha gran cantidade de botellas, envases, tapóns e outras serie de obxectos plásticos de orixe continental, así como outros extraviados durante a actividade pesqueira, como os cacharros, as cordas, os cabos e cabiños ou as sedelas enmarañadas. Xunto con elas, e mesturadas coas algas da mallante, milleiros de bólas de plástico que veñen aparecendo en moitas praias de Galicia desde mediados do pasado mes de decembro, cando se detectaron as primeiras na praia de Balieiros, en Corrubedo.

Ao final, e tras os traballos de clasificación e pesada dos residuos, a báscula reflectiu un total de 230 quilos, unha cifra que, sumada a todo o recollido por este proxecto desde que comezou hai agora catro anos, supera con creces xa as 52 toneladas, contribuíndo deste xeito á redución do impacto dos residuos no litoral, e promovendo a conservación e a sustentabilidade das actividades sociais e económicas que se desenvolven no mar.

A actividade contou tamén coa colaboración do Concello de Muros, quen se encargou da xestión de todos os residuos retirados.

DATAS:

20/01/2024

HORARIO:

11:00 a 15:00 h

MODALIDADE:

Presencial