As praias son espazos naturais habitados por multitude de seres vivos que poderían chegar a verse prexudicados se deixas residuos abandonados. Restos tan pequenos coma unha cabicha, envoltorios ou envases de refugallo, por exemplo, están fóra de lugar na praia.
Que podes facer ti?
• Se comes na praia, a mellor das opcións é levares de volta os residuos para a casa e tirárelos alí. Como segunda opción, podes depositalos nos contedores habilitados para iso, sempre que non estean demasiado cheos.
• Sabías que un dos residuos máis habituais nas nosas praias son os bastonetes plásticos de limpar os oídos? Non utilices o WC como papeleira. Xestiona os teus residuos de maneira responsable.
• Se fumas, non enterres as cabichas baixo a area, pois isto non fai que desaparezan e alterarán o equilibrio do ecosistema. Á praia, sempre cun cinceiro portátil.
• Se es desas persoas ás que lles gusta pasear pola praia, leva sempre contigo unha bolsa e aproveita os teus paseos para recolleres os residuos que atopes no teu camiño.
• Aplica a protección solar con tempo abondo para que a pel poida absorbela antes de te meteres na auga.
• Le os ingredientes das cremas e produtos de protección solar e evita aqueles que conteñan os máis daniños: Oxybenzone, Octinoxate, Octocrylene, Benzophenone-1, Benzophenone-8, OD-PABA, 4-Methylbenzylidene camphor, 3-Benzylidene camphor, nano-Titanium dioxide, nano-Zinc oxide.
• Nas praias con actividade marisqueira, e na medida do posible, tenta evitar pisar demasiado os lugares de cultivo, xa que isto dificulta a fixación dos bivalvos á area.
• Non collas marisco nas rochas e beiras, as persoas que se dedican profesionalmente ao marisqueo seméntano e cóidano a diario. Respecta o seu traballo.
• Procura non voltear e desprazar as pedras de tamaño medio e grande situadas na zona intermareal, moitos animais mariños viven ou refúxianse debaixo delas.
• Se ves mariscadoras ou mariscadores traballando na praia, achégate a elas e interésate polo seu labor, ninguén poderá informarte mellor ca elas!
• Se aínda queres comprometerte máis, non dubides en te apuntares a un programa de voluntariado ambiental!